viernes, 26 de octubre de 2018

UNIDADE DIDÁCTICA DÍA DE DEFUNTOS

Introducimos o tema cunha canción adicada ao Home Lobo de Allariz. 


LETRA: CANTAR DE ROMASANTA

Veñan novos e mais vellos
esta historia  a escoitar 
do máis grande criminal
que coñeceron os tempos.

O lobishome de  Esgos
que en Allariz foi xulgado
                            polos nove asasinatos,                           
das irmás García Blanco, 
Antonia en Rebordechao
E cinco  infantes coitados

Manuel Blanco Romasanta,
tendeiro de profesión,
sen chisco de compasión
as súas vítimas mataba.

Dicíalles que as levaba
a servir a Santander
e que así poderían ter
unha vida regalada.  

A San Mamede marchaban            
 e non se volvían ver. 

Na aldea Castro de Laza         
xa faltaba tanta xente
que comezou a dicirse
que era o Manuel que as mataba;
e o unto que lles quitaba
nas boticas foi vendido.

Ao asasino fuxido
apresárono en Toledo, 
xa non meterá máis medo!
xulgaranse os seus delitos.

Axiña confesaría
que por culpa dunha fada
que o seu mal pai lle botara
en lobo se convertía.

E coas gadoupas abría
das vítimas as entrañas,
a súa carne devoraba,  
e as roupas logo as vendía
dende Ourense ata Boticas
coa tenda que comerciaba.        

Todo o mundo horrorizado
non dá creto ao que lle escoita, 
non se fala doutra cousa, 
grande sona toma o caso.

O Manuel foi indultado
de morte en garrote vil.
Preso en Ceuta o seu fin     
morreu dun cancro terrible.
Deus castigou os ruíns crimes
do home lobo de Allariz.

QUEN FOI ROMASANTA?


A historia de Manuel Blanco Romasanta (Regueiro, Esgos 1809 – Ceuta 1863), coñecido como o home lobo de Allariz porque alí foi xulgado, deixou pegada na historia da comarca. Manuel Blanco foi axuizado polos nove asasinatos, cometidos entre 1846 e 1851, das irmás Xosefa, Manuel e Benita García Blanco e Antonia Rúa Caneiro e os seus fillos respectivos. Condenado a garrote vil, a Raíña Isabel II indultouno e cumpriu cadea perpetua en Ceuta.  O caso tivo gran repercusión internacional ao confesar o propio Manuel Blanco que matara as vítimas convertido en lobo.

De feito, é o único caso documentado de licantropia clínica. O Home Lobo de Allariz pode ser considerado unha representación do Home do Saco ou do Home do Unto, chegando a ser considerado a día de hoxe un ser mitolóxico do folclore galego.

1. A MORTE

Un dos trazos que máis pode sorprender cando se analizan os diferentes aspectos relacionados coa norte en Galicia (basicamente no mundo rural) é que a morte é moito máis que o feito de deixar de existir neste mundo. Sen chegar a una concepción panteísta nin á crenza plena na transmigración ou reencarnación das almas, o certo é que en Galicia, os mortos non morren de todo; as súas almas sobreviven e relaciónanse cos vivos. 



Estas características básicas de identidade galega estanse a modificar profundamente a medida que os actuais usos e costumes alteran os comportamentos individuais e sociais, e orixinan unha perda continua da complexidade simbólica da morte. A morte fóra da casa (hospitais), a eliminación dos tradicionais velorios (fogares funerarios), a mesma transformación dos valores relixiosos en relación coa morte...alteran drasticamente ritos e prácticas que unicamente se manteñen xa no mundo rural. 

Como pensas que se relacionan as almas dos mortos cos vivos?
Cales son os comportamentos sociais fronte á morte?
Que costumes relacionados coa morte están a mudar?


2. A MORTE ANUNCIADA

O concepto dunha boa morte no mundo rural pode diferir bastante do que se poida ter no mundo urbano; así, mentres que para o primeiro caso a morte é entendida nunha dimensión social, para o segundo queda reducida a unha dimensión moito máis privada, familia e íntima.


Existen varias formas de tomar conciencia da propia morte porque, en moitas ocasións, a morte anúnciase baixo diversos modos: unhas veces son paxaros considerados de mal agoiro; outras veces son persoas defuntas (coñecidas ou descoñecidas e pode ser tamén a Santa Compaña) as que veñen a avisar; poden ser tamén ruídos estraños e pouco habituais; comportamentos sospeitosos e anormais de animais (sobre todo os cans da casa, pero tamén o canto do moucho ou da curuxa a carón da casa, o canto do galo ao entrar no galiñeiro); a coincidencia de varias campás tocando á mesma hora; notar determinados olores (a incenso, a cera nunha encrucillada de camiños); avisos concretos de persoas que presenten que vai suceder algunha morte, aínda que non podan identificar exactamente á persoa concreta; pero tamén poden ser sensacións do propio interesado que lle indiquen que a fin está próxima e, nesta liña, están as diferentes visións nas que o propio interesado ve a súa propia morte, a comitiva fúnebre. 

Segundo a crenza máis estendida, todos temos o noso aviso, o caso é saber interpretalo. 

Ves moitas diferenzas entre a morte no rural e a morte no mundo urbano?

Pensas que os animais poden chegar a presentir o futuro? E a morte?


3. A MORTE REAL

Trala morte, na casa do finado teñen lugar unha serie de prácticas entre as que destaca o velorio, aínda de plena vixencia. A través de canles de información oral, e do toque da campá da igrexa parroquial, os veciños dan conta e danse por avisados da morte do veciño; nese punto comezan a chegar á casa do defunto para acompañar á familia ata o momento do enterro. 

A familia, se a morte non foi de súpeto, preparou convenientemente a casa para recibir aos familiares, amigos e veciños, e preparou o lugar do velorio. Para esta ocasión, ao defunto lávase e vístese co seu mellor traxe. A casa debe estar limpa, ordenada, con abundantes asentos, sabas limpas para o defunto e os mellores cobertores sobre as restantes camas da casa. A imaxe da casa e do seu arranxo vai ser examinada e criticada polas visitas. 

Como as horas que permanece o asunto na casa son bastantes, cómpre organizar o velorio segundo o costume e ver de pasar o tempo do mellor modo posible. Un dos obxectivos fundamentais do velorio é acompañar á familia do finado e axudar a que lles pase o tempo; por iso a leria, o falar, é fundamental; os temas a tratar son de todo tipo, desde lembrar ó defunto a comentar cuestións relacionadas coa vida da aldea, ou mesmo establecer casorios.

É frecuente que homes e mulleres parolen separadamente e que entre eles se organicen partidas de cartas (normalmente na cociña) acompañadas de bebidas alcohólicas e café, mentres as mulleres permanecen máis tempo arredor do defunto. Cada vez son menos frecuentes os xogos e as bromas que, ata hai poucos anos, se facían en moitos lugares de Galicia e que mesmo podían incluír ao propio morto (coma os xogos de prendas que podían penalizar con ter que quitarlle algunha prenda ao defunto). 

Igualmente, xa non son habituais os banquetes funerarios nos que a familia podía empeñarse durante anos para poder demostrar aos asistentes o moito cariño que lle tiñan ao defunto mediante a celebración do máis abundante dos banquetes. 

De que temas falarías nun velorio para amenizar o tempo á familia?

Se tiveses que organizar un banquete funerario, como o farías?


4. DESPOIS DO FALECEMENTO

A medida que as horas avanzan e vai chegando o momento de sacar da casa ao defunto para levalo a enterrar, aumentan os prantos e as escenas de dor que non están exentas de certa teatralidade. Canto máis se chore mellor se demostra o afecto ao defunto, pero tamén os berros e as expresións de cariño son mostras de amor ao finado. Ademais o pranto non cumpre só a función de aliviar a tensión dos individuos e de exteriorizar a súa dor, senón que reforza tamén o sentido comunitario no momento no que o grupo vese privado dun dos seus membros. 

As almas dos defuntos da parroquia poden visitar a casa (en procesión non visible) do que vai morrer, por iso convén que haxa sempre algún lugar aberto na casa (porta ou fiestras) para que as ánimas podan entrar sen dificultade; pero unha vez falecida a persoa, todo debe pecharse para que non escape a sorte da casa. Pechadas portas e ventás, e bendicido o gando, a morte xa non se leva a ninguén máis. 


Trala morte dun familiar, a familia viste e vive de loito durante un tempo: vestidos negros (que, en moitos casos, por exemplo para as viúvas, xa nunca serán substituídos por outros de cor), ausencia de festas, escasas saídas fóra da casa, incluso aprazamento de celebracións previstas (vodas, comuñóns, viaxes...) marcan un tempo que varia segundo a relación co defunto e, que nos tempos actuais, tende a reducir considerablemente os períodos. 


5. OS MORTOS E OS VIVOS

Na Galicia tradicional, os mortos non desaparecen por completo do mundo dos vivos. Pódense pór numeroso exemplos de como o defunto segue, dalgunha maneira, presente entre os vivos; de como os vivos poden e deben colaborar cos mortos para que acaden estadios de felicidade; de como os que xa non están connosco poden actuar sobre os que aquí quedan. 
Comentamos algúns exemplos.
O AIRE DE MORTO

O aire ou espírito do defunto pode meterse nun vivo e chegar a causarlle unha morte semellante á que lle causou a el a morte. Por iso cómpre impedir que isto suceda, e para intentalo existen diversos remedios. Por exemplo, afumarse á volta do cemiterio onde se deu sepultura a un defunto. Para iso, nunha tella que nunca servirá como elemento de construción, quéimanse unhas herbas das que se preparan por San Xoán; os asistentes ao enterro deben pasar varias veces por riba do fume que desprenden estas herbas ao tempo que recitan:
Defuntiños todos,
Sacádeme o aire de morto,
E dádeme o de vivo;
Que o aire de morto non ten conforto,
E o do vivo é confortativo.
Aire que fostes enramallado,
Pola mala cousa fostes entrado.
Por Xesucristo sexas tirado.
Por Xesucristo e a Virxe María,
Un Padrenuestro e unha Ave María.

Para que sexa efectivo, debe repetirse a operación durante nove días seguidos.

A PROCESIÓN DAS MORTALLAS

Aínda que se celebra en varios puntos de Galicia, a máis impresionante é a que se celebra na Pobra do Caramiñal (A Coruña) o terceiro domingo de setembro e na que van, dentro dos cadaleitos e levados por amigos e familiares, aqueles que sufriron unha enfermidade e fixeron a promesa ao Nazareno se os libraba da morte. Desde estilo é tamén a procesión que se celebra en Santa Marta de Ribarteme (Pontevedra).


6. A SANTA COMPAÑA

Trátase posiblemente do tema máis coñecido do regreso das almas ao mundo dos vivos. As aparicións da Santa Compaña son experiencias que se reviven nas veladas do inverno ao calor do lume nas lareiras. Non é un tema exclusivo de Galicia, aínda que é aquí unha das zonas onde pervive con máis intensidade. 

O paso a carón de cemiterios, bosques, lugares desertos, son os máis propicios para estes encontros das almas dos mortos cos vivos. Estas aparicións (baixo forma de luces, visións cadavéricas, movementos estraños, sensacións extraordinarias) poden ser colectivas ou individuais e poden presentarse por moi diversos motivos. Por exemplo: para coñecer como vai a vida da aldea ou dunha familia, para prestar axuda aos vivos, para intervir nunha rifa entre veciños, para lembrar aos vivos que se acorden de cumprir as promesas feitas en relación cos mortos, para buscar a un vivo ou avisalo da súa próxima fin... Tamén varía a interpretación dos personaxes que a forman: para uns son as almas dos defuntos da parroquia, para outros meigas ou demos. 
Na visión máis clásica da Santa Compaña aparecen sempre cinco personaxes indispensables aos que se lles poden sumar moitos máis: o que leva a cruz, o do estandarte, o do caldeiro coa auga bendita, o portador do farol e o da campaíña. A estas visións acompañan sempre sentimentos de medo, silencio interrompido por ruídos como de arrastrar cadeas e ruxir do vento, cheiro de velas...



As velas que levan os acompañantes non se apagan con ningún vento, e se nun camiño un vivo se cruza coa Compaña e lle meten a vela na man, a partir dese momento debe figurar na comitiva. Por iso, débense levar as mans pechadas e rezar antes de saír da casa unha oración polas almas. 
Para librarse do poder da Santa Compaña existen algún medios como, por exemplo, trazar un círculo no chan e meterse dentro, ou levar no peto un anaco de pan, aínda que sexan faragullas, xa que así a Compaña non se achega. 


7. AS OBRIGAS INCUMPRIDAS


Existen unha serie de obrigas que todos os galegos deben cumprir en vida, pero algunha delas pode ser realizada polos vivos en favor dos mortos. Tal é o caso de peregrinar a Santo André de Teixido, xa que a Santo André de Teixido vai de morto quen non foi de vivo. As almas dos que morreron sen cumprir coa obriga de ir visitar a Santo André na súa capela de Teixido, vagan errantes sen acougo e poden presentarse ante os vivos suplicándolles que fagan a peregrinación no seu lugar. Por iso, cando se vai a Santo André para cumprir a obriga dun defunto que non foi en vida, os vivos levan consigo o espírito do familiar morto. Para que este o saiba, hai que avisalo o mesmo día do inicio da peregrinación indo á súa tomba no cemiterio e dicindo: Ai, fulano, prepárate que imos a Santo André! 

Se o camiño se fai en autocar, o sitio do defunto debe ser respectado e, polo xeral, o camiño faise en silencio, aínda que tamén se pode dialogar co espírito do defunto. A ración de comida do morto entrégaselle a un pobre ao chegar a Santo André.  Moitas veces deixase constancia desta visita depositando unha pedra nos arredores da igrexa de Santo André. 


Xa de volta na aldea, volven ao cemiterio a alma do familiar que xa queda en paz e repouso, en lugar de andar vagando como fixera ata ese momento. 


8. ACTIVIDADE DE COMPRENSIÓN ORAL


Vemos o seguimente vídeo e respondemos a unha serie de cuestións.



En que lugar da igrexa estaban Manuela e o seu pai?
Que fixo o cura?
Cantas persoas da Garda Civil foron?
Que lle dixeron os fregueses a Manuela?
A onde quixo levar o cura ao cadáver? 

Fontes empregadas: a web de Luar na Lubre, e o manual de Xeografía e Historia de Galicia de Baía Edicións.